As praias
Puesia
Cando o vento regresa dun insomnio mariño
e roza a pel da infancia, a nudez embriagada
no límite da auga.
Cando unha estrela branca precipita o desexo
no tacto estremecido do tempo.
Cando un claror nevado xira nos corazóns
e acende a transparencia do mundo.
¡As praias!
Ese asombro no pálpito da carne,
unha voz azulada que treme no silencio.
O corpo sabe ben na flor da lonxanía
cando no corpo había un salouco de espuma.
Vede aí nese abismo o perfil infinito do mar,
o seu espasmo verde
cando entra en nós coa súa polpa secreta.
O corpo pensativo,
cando os seres bebían a luz.
O corpo iluminado pola oración diúrna da brisa.
A contracción suave dun clima.
Unha aleación perfecta de frescura.
¡As praias!
Lembrádevos agora do alento prateado dunha brasa,
das lámpadas lonxanas que acenden os soños.