Arquitectos
Puesia
No obradoiro do tempo e do desexo
nace a casa que amamos,
na lenta perspectiva dun pensamento
que existe no futuro.
Como un pozo que abre o seu alento frío
primeiro o corpo roza a sensación dun muro
e unha estrela invisíbel
convértese en certeza.
Toda casa é desexo,
desde unha raíz que treme na noite,
no abecedario íntimo dos soños,
nos círculos da sede e dos meses.
Porque trazamos unha liña ascendente
de esperanza,
palabra que respira,
pálpito pensativo,
figura viva.
E entra un sopro de vento no corazón da casa,
unha casa nacente entre o corpo e a alba,
unha casa que medra como unha sombra branca
iluminando os días.
Somos unha memoria de pureza e de asombro
e medimos o mundo construíndo o silencio,
a substancia secreta do destino.
Toda casa é unha forma que se acende na alma,
unha visión perfecta como un ser que se eleva.